Non é fácil tratar este tema en España pois reacciónase desde as emocións e a visceralidade, poucas veces desde o sosego e a capacidade de diálogo que temos os seres humanos, ademais non se conta cos datos da realidade social. Agardo achegar algo axeitado sobre isto para a convivencia social.
A primeira constatación é que na base de cada civilización hai unha concepción relixiosa. Por exemplo, debaixo da sociedade de castas está a crenza na reencarnación segundo se cumprisen ou non na vida anterior os preceptos relixiosos. Max Weber en “Ética protestante e espírito do capitalismo”, libro clásico de socioloxía, afirma que a orixe do capitalismo está na tese teolóxica calvinista da predestinación da alma. A pervivencia da relixión no futuro non se cuestiona na socioloxía, mesmo o autor non crente Salvador Giner en “El porvenir de la religión” afirma: “mentres haxa humanidade, haberá relixión” (p.12). Ignorar esta temática nos plans educativos prexudica ás persoas, pois a ignorancia non é un ben.
En varios ambientes académicos e políticos españois trátase a temática relixiosa como se estivésemos no século XIX ou primeira metade do XX, pero os feitos que seguen cambiaron a cuestión:
-A Declaración Universal de Dereitos Humanos (10-12-1948) recoñece as liberdades de pensamento, expresión, ideolóxica e relixiosa. Recoñécese explicitamente o dereito á práctica relixiosa en público e en privado, igualmente o dereito a educar aos fillos de acordo coas propias crenzas, coas consecuencias que ten iso no sistema educativo. Véxanse os artigos 18, 19, 20 e 26.
-O Concilio Vaticano II da Igrexa Católica (1962-65) recoñece o dereito á liberdade relixiosa e de conciencia como dereito nuclear da persoa, e mostra aprecio ás outras relixións e persoas de boa vontade en documentos que non hai espazo para analizar. Para a Igrexa a conciencia (sagrario da persoa) é a norma suprema de moral e de comportamento coas consecuencias que de aí se seguen.
-Hai ampla presenza en España doutras relixións: máis de 2 millóns de confesións protestantes e máis de dous millóns e medio de musulmáns (sobre 1700 mesquitas). Tamén testemuñas de Xehová, xudeus, budistas… Por iso a temática relixiosa non atinxe só aos Poderes Públicos e á Igrexa Católica.
Por iso cando un colexio ou poder político trata o tema relixioso non afecta só á Igrexa Católica, senón ás realidades relixiosas presentes na sociedade. A Igrexa Católica ten unha estrutura organizativa e un desenvolvemento teolóxico e científico que facilitan o diálogo, o que debería servir de base para a relación das autoridades civís coas outras confesións relixiosas pois, que outra confesión ten tantos centros de formación prestixiosos nas diversas ciencias? Que as autoridades civís teñan unha actitude de diálogo e colaboración coas institucións relixiosas é unha esixencia que emana da Declaración dos Dereitos Humanos, igual que deben respectar aos que non teñen crenzas relixiosas.
Nalgúns círculos políticos e académicos afírmase que a Igrexa Católica ten o privilexio da clase de relixión co que manifestan, ao meu entender, varios erros:
-A presenza da relixión na escola é unha consecuencia lóxica dos artigos 18, 19 e 26 dos Dereitos Humanos e da realidade social. É un dereito dos pais e dos alumnos que se debe garantir.
-Non é un privilexio dos católicos pois hai profesores das outras confesións. Hai case 300 de confesións protestantes e, segundo publica “Mares” (22-09-2025) citando á Conferencia Islámica de España, había 311 profesores de Islam no curso 2024-25 e máis de 400 no 2025-26, loxicamente elixidos pola súa confesión relixiosa xa que o Estado é aconfesional ou laico (non confesional laicista).
-Un feito tan decisivo para a vida da maioría dos humanos non debe estar á marxe dos plans de ensino, se estes queren servir á vida das persoas, en especial nos momentos decisivos da existencia, e achegar coñecemento desta realidade social e histórica tan transcendente.
Todo iso avala a presenza da relixión no currículo escolar cun estatus serio. Implicará o coñecemento da propia relixión e o estudo respectuoso das outras confesións relixiosas segundo a Declaración dos Dereitos Humanos con programas e libros a disposición de calquera. Tamén esixirá a opción dunha temática alternativa de cultura sobre o feito relixioso, coñecementos das diversas relixións e do seu substrato nas diversas culturas e civilizacións. Certo que non todas as culturas, civilizacións e relixións son iguais, pero o respecto a todas as persoas debe ser básico.
Antón Negro