Non estamos a falar do número 105 nunha casiña dunha aldea calquera de Galicia. Algúns lectores sorprenderánse polo titular deste artigo. Sen embargo, a casiña 105 no impreso da declaración da renda, non é un trámite máis. Pola contra, preséntasenos como unha oportunidade sinxela e fondamente chea de significado.
Marcar na casiña 105 a chamada “X da Igrexa” é un xesto de solidariedade cun impacto real en millóns de persoas. En non somente naqueles que realizan o xesto sinxelo de marcar a casiña, senon e sobor de todo, nos afectados directamente polo ben realizado. O labor humano, social e espiritual da Igrexa vai moito máis aló do que ás veces se percibe aparentemente. Nas casas de misericordia (a casa da misericordia recentemente inaugurada no nosa Diocese de Lugo é un proxecto promovido pola Delegación de Pastoral Penitenciaria en colaboración coa Cáritas diocesana), nos mosteiros, en hospitais, nos colexios, en parroquias de barrios humildes e aldeas pequenas, en centros de acollida e nas misións, a Igrexa faise presente alí onde máis se necesita unha man tendida, uns coidados garimosos ou unha soidade compartida.
Ó marcar a casiña 105 os cidadáns confirman o seu desexo de compartir os bens cos mais necesitados, expresan a súa responsabilidade social e o seu compromiso cos mais pobres e marxinados da sociedade. Ilo, non supón pagar máis nin que che devolvan menos, xa que non é un imposto senón unha “asignación voluntaria” que non lle afecta o teu peto. Unha opción que non exclúe marcar tamén a casiña dos servicios sociais xa que ambalasduas son compatibles. Simplemente indícaslle ó Estado onde queres que se destine unha pequeniña parte da túa aportación.
Desta aportación, un tanto por cen que vai a programas de acompañamento e a axudas sociais dirixidas a persoas en situación de vulnerabilidade, en proxectos de atención a colectivos moi necesitados, ás persoas sen fogar, a migrantes, a velliños desamparados ou en soidade e a familias con dificultades económicas. E isto faise a través das Cáritas, de redes parroquiais (1129 parroquias conforman a Diocese de Lugo) ou organismos vencellados.
Deste xeito, con estas decisións evitas actuar “como se os pobres non existisen”, poste de parte dos necesitados e de tódolos voluntarios que traballamos por un mundo mellor con compromisos que chegan aos máis desfavorecidos e os máis vulnerables.
Para a Igrexa Católica o mandato da caridade está inseparablemente unido ó da Eucaristía xa que nós, estamos obrigados a ver nas persoas máis necesitadas o rostro sufrinte do Señor Xesuscristo e resplandecer coma pequenos vagalumes que alumean nas noites da marxinación nesta sociedade do desasosego.
Na última campaña da Renda, máis de nove millóns de contribuíntes optaron por marcar a “X” na casiña 105. Non é un mal plebiscito para a Igrexa o que realiza cada ano a sociedade española. É unha casiña para a esperanza e un xeito concreto de apoiar o labor social e evanxelizador da Igrexa en España.
José Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese de Lugo