A candidatura da Ribeira Sacra Paisaxe da Auga á Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO constitúe unha oportunidade histórica para o recoñecemento internacional dun territorio singular, modelado ao longo dos séculos pola relación entre a natureza e as comunidades humanas.
A confluencia dos ríos Miño e Sil deu lugar a unha paisaxe cultural excepcional, na que o patrimonio relixioso representa un dos seus elementos máis definitorios. Non sería posible comprender a Ribeira Sacra sen a tradición eremítica e monástica que se desenvolveu nas marxes dos seus ríos, nin sen as igrexas e capelas que, durante séculos, acompañaron a vida das súas comunidades.
Neste contexto, os templos da Diocese de Lugo incluídos no ámbito da candidatura forman parte esencial do seu valor patrimonial. Distribuídos polos concellos da Ribeira Sacra, configuran unha notable rede de bens que testemuña a evolución cultural e espiritual destas terras desde a Alta Idade Media.
Entre eles atópanse algúns dos exemplos máis destacados do románico galego, como as igrexas de Santa María de Temes, Santo Estevo de Ribas de Miño, Santa María de Pesqueiras ou Santo Estevo de Atán. Á súa riqueza arquitectónica engádese a pintura mural, da que Santa María de Nogueira de Miño conserva un dos conxuntos máis relevantes de Galicia.
Pero estas igrexas non son unicamente testemuños do pasado nin pezas illadas dentro dunha paisaxe monumental. Moitas continúan a ser lugares de culto, espazos de encontro e referencias fundamentais para a memoria colectiva das comunidades ribeirás. Nelas conviven o seu valor histórico e artístico coa finalidade para a que foron construídas e coa vida das persoas que, xeración tras xeración, contribuíron á súa conservación.
A presenza da Igrexa neste territorio remóntase ás primeiras comunidades monásticas asentadas nas marxes do Miño e do Sil. Máis tarde, a organización parroquial contribuíu decisivamente á configuración humana da Ribeira Sacra. Ao redor dos seus templos desenvolveuse a vida comunitaria, celebráronse os momentos fundamentais da existencia e transmitiuse unha forma de comprender o ser humano, a natureza e a relación entre ambos.
Por iso, contemplar este patrimonio unicamente desde a súa dimensión artística ofrecería unha visión incompleta. A arquitectura, a pintura mural e os bens conservados nestes templos naceron da fe e só poden ser comprendidos plenamente atendendo tamén ao significado espiritual que lles deu orixe.
A Diocese de Lugo desenvolve desde hai anos un importante labor de estudo, conservación e difusión deste patrimonio. Este esforzo permite que moitos destes bens sigan ofrecendo aos visitantes e aos propios habitantes da comarca a oportunidade de descubrir unha parte esencial da súa historia. A súa protección pode contribuír, ademais, a un modelo de desenvolvemento sostible vinculado ao territorio e respectuoso coa identidade que o foi configurando.
A candidatura da Ribeira Sacra. Paisaxe da Auga representa, por tanto, unha ocasión extraordinaria para recoñecer internacionalmente un territorio no que a fe e a acción humana conformaron, en diálogo coa natureza, unha creación cultural excepcional.
As igrexas e capelas da Diocese de Lugo son unha parte fundamental deste relato colectivo: auténticos chanzos de fe que, desde hai máis de mil anos, acompañan o curso do Miño e do Sil e contribúen a definir a esencia dunha paisaxe cultural única.
Brais Cela Álvarez
Delegación Patrimonio Histórico-Artístico Diocese de Lugo